30/11/09

O PARTIDO POPULAR DE DODRO REUNIUSE CA PRESIDENTA DE AUGAS DE GALICIA ETHEL VÁZQUEZ

O pasado martes o Partido Popular de Dodro mantivo unha reunión ca Presidenta de Augas de Galicia, Ethel Vázquez. Ao longo da reunión tratáronse os principais temas que afectan ó Concello de Dodro, e relacionados con este organismo, como os regatos e a posible instalación dunha depuradora en Teaio.
Dacordo ca información recibida, Augas de Galicia ten pensado destinar unha cantidade de fondos aínda sen determinar para a limpeza do rego de Manselle a pesar das restriccións orzamentarias ás que teñen que facer frente; nembargantes, para o Río San Lufo non lle foi solicitada ningunha inversión concreta, a pesar de que este río desborda con frecuencia ó longo do inverno, o que non deixou de sorprender ó Partido Popular.
En relación coa instalación dunha EDAR na aldea de Teaio, o Partido Popular lle solicitou que se axilizase o máis posible a concesión da autorización necesaria, dada a importancia da obra para os veciños afectados e que o Partido Popular xa incluira no seu programa electoral.
Nembargantes, a autorización necesaria depende en gran medida da documentación aportada polo Concello, e nalgún caso non se corresponde correctamente ca esixida por Augas de Galicia.

O Partido Popular quere denunciar a PESIMA XESTIÓN DO GOBERNO BIPARTITO QUE PON EN PERIGO A REALIZACIÓN DUNHA IMPORTANTE OBRA E QUE EN DOUS ANOS E MEDIO NON FOI QUEN DE CONQUERIR A AUTORIZACIÓN NECESARIA PARA LEVALA A CABO.

25/11/09

DECLARACIÓN DO PARTIDO POPULAR DE DODRO NO DÍA INTERNACIONAL PARA A ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES

Hoxe 25 de novembro celebrase unha vez máis, en todo o mundo, o Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres, momento no que de xeito conxunto expresamos a nosa condena máis enérxica a todas as formas nas que se manifesta este grave problema da nosa sociedade. Erradicar a violencia contra as mulleres é unha obriga das institucións na que se precisa a colaboración de toda a cidadanía, e só desde o compromiso e a concienciación de todas as persoas poderemos conseguir unha sociedade na que os dereitos humanos se respecten.

O compromiso da sociedade galega coa eliminación da violencia contra as mulleres manifestouse a través da aprobación, no Parlamento galego, dunha lei propia, a lei 11/2007, para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero. O desenvolvemento desta lei, xunto co resto das modificacións lexislativas a nivel estatal, deu lugar a un incremento no número de denuncias, o cal redunda nunha maior garantía xurídica e nunha máis eficaz atención ás vítimas.

Pero queda aínda moito por facer, e desde o Partido Popular de Dodro, manifestamos o noso compromiso coa prevención da violencia, a través do máis enérxico rexeitamento ás manifestacións da violencia e á figura dos maltratadores, para os que esiximos tolerancia cero, seguindo as recentes recomendacións do Dictame sobre as actuacións prioritarias dos entes locais e rexionais para previr a violencia cara as mulleres e mellorar a atención das vítimas, aprobado polo Comité Europeo das Rexións. Así mesmo queremos lembrar a todas as administracións públicas a necesidade de colaborar, para que, no marco das súas respectivas competencias, traballen para mellorar as diferentes medidas e recursos postos en marcha para a eliminación da violencia contra as mulleres. Instamos á Xunta de Galicia, e particularmente á Secretaría Xeral da Igualdade, a promover actuacións de coordinación, de formación e de concienciación a todos os niveis, pero particularmente entre a poboación máis nova, co obxectivo de contribuír á educación na igualdade das xeracións máis novas, piares do futuro da sociedade galega.

Invitamos a toda a cidadanía a unirse a nós na expresión da súa condena á violencia contra as mulleres e do seu apoio ás vítimas, para devolver a dignidade e a xustiza á nosa sociedade.