Os Concellos de Padrón, Rois e Dodro queren convidar á consideración colectiva sobre o prezo ina sumible que paga esta sociedade pola desigualdade. A desigualdade cobra vidas e soños, cobra cada ano as vidas de decenas de mulleres e os soños das súas fillas e dos seus fillos, das súas nais e pais, das súas amizades.
Unha análise dos acontecementos diarios, das estatísticas de violencia de xénero ou da desigualdade de oportunidades, lévanos a concluir que é, non xa necesarios, senón urxente, construir un novo patrón de relación igualitario en substitución do tradicional, absoleto e fracasado, que perxudica as mulleres pero tamén é insatisfactorio para os homes.
Os desaxustes e os fracasos que produce o actual patrón desigual deben obrigarnos, como colectividade, a repensar un novo modelo de relación, que sexa aceptado por todos e todas e que sexa gratificante para mulleres e homes.
Na construcción dese novo modelo, os Concellos aquí presentes, desenvolven numerosas liñas de acción con criterio horizontal e interinstitucional, destinadas a estimular a corresponsabilidade de toda a sociedade e, especialmente, da xente nova, así como a ampliar a protección das vítimas, considerando neste grupo as mulleres e os menores.
Porque o sufrimento produce tamén fondas feridas emocionais as fillas e aos fillos que conviven en ámbitos familiares violentos, con consecuencias psicolóxicas e de socialización e, tal vez, de alta tolerancia futura ás situacións de violencia e de repetición das pautas interiorizadas como normas.
Neste proxecto común, os Concellos de Padrón, Rois e Dodro, agradecen o traballo desenvolvido polas asociacións e entidades que colaboran na prevención, na sensibilización e na intervención nos casos de violencia de xénero e invitan a toda a ciudadanía a incorporaren a cultura da igualdade como ben común. Para que arraigue e prenda definitivamente na sociedade.