24/7/11

FESTIVAL DE SALSA E RITMOS LATINOS EN DODRO





A escola de baile "El Tomasón" leva 3 anos dando clases de salsa e ritmos latinos a un numeroso grupo de rapaces de Dodro.Por primeira vez e como fin de curso haberá no Concello de Dodro un Festival de Baile no que actuarán nenos da escola de Ribeira e o grupo de rapaces de Dodro.



Poderemos velos e aplaudilos o sabado 31 de xullo no Polideportivo de Dodro ás 20:00 horas.





23/7/11

XII FESTA DOS MAIORES EN DODRO

A Concellería de Servizos Sociais e Igualdade organiza a XII Edición da Festa dos Maiores deste ano 2011.
Programa
11.30 h Recepción
12.00 h Actuación do grupo de baile "Vai de Roda"
13.00 h Misa solemne
14.00 h Benvida a cargo do alcalde e do Equipo de Goberno
14.30 h Xantar
16.00 h Baile coa actuación de "Grupo Glamour"
17.30 Actuación do humorista Paco-Mi-Vida
18.30 h Continuación do baile con "Grupo Glamour"
Haberá servizo de autobuses polas paradas habituais. Os horarios anunciaranse nas marquesiñas uns días antes da festa.
É necesario recoller a invitación da festa para asistir.







21/7/11

BASES DO XXIV PREMIO DE POESÍA EUSEBIO LORENZO BALEIRÓN 2011

BASES DO XXIV PREMIO DE POESÍA

EUSEBIO LORENZO BALEIRÓN 2011

1. O Concello de Dodro, para honrar a memoria do seu ilustre poeta e contribuír á promoción da poesía galega, manifestación sobranceira da nosa literatura, convoca a XXIV edición do PREMIO EUSEBIO LORENZO BALEIRÓN.

2. Poderán concorrer a este certame as poetas e os poetas que o desexen, con cadanseu libro escrito en lingua galega, segundo a normativa vixente.

3. Os poemarios aspirantes ao premio serán de tema e forma libres, cunha extensión mínima de 500 versos e máxima de 800. Deberán ser orixinais e estar inéditos na súa totalidade, condición que se estende ao soporte dixital. No momento do fallo do certame, non poderán estar presentados a ningún outro concurso.

4. Os participantes deberán enviar 4 exemplares da obra, mecanografados, sen remite identificador, ó seguinte enderezo:

"XXVI Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón"

Concello de Dodro

Tallós, 32

15981 Dodro- A Coruña

5. As obras concursantes deberán ostentar o título e un lema, que tamén figurará no exterior dun sobre que conteña a fotocopia do DNI do autor ou autora, o seu teléfono e enderezo, así como un pequeno currículo literario, no caso de que teña obra publicada.

6. O prazo de presentación das obras remata o día 13 de novembro do ano 2011.

7.A dotación do Premio, único e indivisible, será de 2.300 euros. Se o xurado o considera oportuno, pola baixa calidade dos libros presentados, o premio poderá ser declarado deserto.

8.O xurado será designado polo Concello de Dodro. Formarano o presidente e o secretario –este, con voz e sen voto-, ambos membros da Corporación Municipal, e catro especialistas vencellados á poesía e/ou á crítica literaria. A composición do xurado farase pública cando remate o prazo de admisión de orixinais.

9. O fallo será dado a coñecer nun acto que se celebrará na Casa da Cultura do Concello de Dodro o día 10 de decembro de 2011. A entrega do premio realizarase o día 18 do mencionado mes. As obras non premiadas serán devoltas aos autores que as soliciten no prazo dun mes a contar do día do fallo.

  1. A obra galardoada publicarase dentro da Colección de Poesía "Eusebio Lorenzo Baleirón" da Editorial Sotelo Blanco, que se reserva os dereitos de edición. A contía do premio será considerada como un adianto dos dereitos de autoría. O autor ou autora recibirá gratuitamente 25 exemplares.

  1. A participación nesta convocatoria implica a aceptación das bases e a interpretación que delas faga o xurado, non admitíndose recurso contra a decisión que este nas suas funcións adopte.”

14/7/11

PLENO ORDINARIO MAÑAN ÁS 13,15 H

MAÑAN ÁS 13,15 H PLENO ORDINARIO NO CONCELLO


ORDE DO DIA:

A. Parte dispositiva

1- Toma de posesión do concelleiro don José Luis Fernández Reboiras
2- Aprobación se procede, das actas das sesións consultiva do día 11 de xuño e extraordinarias dos días 17 e 21 de xullo de 2.011
3- Resolucións da Alcaldía
4- Proposta da Alcaldía: renumeración de ordenanzas fiscais
5 - Dación en conta ao Pleno dos informes de morosidade de Intervención, Ref.D/03/2011 e de Tesourería, Ref. 01/2011.
6- Mocións do PsdeG-PSOE

B. Parte de control dos órganos de goberno

7- Asuntos de urxencia sometidos ao abeiro dos artigos 82.3 e 91.4 do Real Decreto 2568/1986.
8- Rogos e Preguntas



6/7/11

RECEPCIÓN NO CONCELLO A RUBEN GÓMEZ



A corporación municipal do Concello de Dodro recibeu hoxe a Ruben Gómez, campeón do mundo de piragüismo na categoría C1 Junior á que acudiron varios medios de comunicación.


¡FELICIDADES CAMPEÓN !

RECEPCIÓN DUNHA NENA SAHARAUI NO CONCELLO DE DODRO





O alcalde do Concello de Dodro, Valentín Alfonsín acompañado pola concelleira de Servizos Sociais e Igualdade Marisol Boga Grela e a concelleira de Xuventude e Familia María del Carmen Fernández Chavéz déronlle a benvida no Concello a Monina Chej e á súa familia de acollida o pasado martes día 5 de xullo.

Monina é a única nena saharaui que residirá durante os dous meses de verán no Concello a través do programa “Vacacións en Paz”.

Pese á mala situación económica pola que atravesa o Concello, o Equipo de Goberno non quixo renunciar a esta actividade solidaria e cumpriu co convenio asinado coa asociación “Solidariedade galega co pobo saharaui” que permite traer a Monina a gozar do seu último verán en Galicia.

A nena recibiu un pequeno agasallo de benvida e comentou que de “Dodro lle gusta todo menos ter que ir ao médico”.
www.concellodedodro.org

5/7/11

GRAN ÉXITO DA XIV FESTA DO CARNEIRO EN DODRO






A xornada da XIV Festa do Carneiro tivo lugar onte día 3 de xullo cun grande éxito de acollida no que se deron cita 687 veciños. A asistencia dos moitos veciños que se achegaron á Fonte Primeiral e que ateigaron ata o 100% a carpa desposta, serve para ratificar as sensacións do equipo de goberno que valora a xornada deste domingo con dobre satisfacción: tanto por confirmar a necesidade da recuperación desta Festa do Carneiro, como pola alegría de gozar con todos e todas os veciños e veciñas duns momentos de concordia, sentíndonos en todo momento como unha FAMILIA UNIDA.
O Concello agradécelle particularmente a súa presenza nesta nosa Festa a todas as persoas que se achegaron de tódalas Parroquias de Dodro, tamén dende lugares próximos (como A Pobra, Vilagarcía, Rianxo, Ribeira,..) así como dende Asturias, Tenerife e Arxentina.
Non podemos deixar pasar a ocasión de agradecer tamén a colaboración de voluntariado na campaña de publicidade e o arroupamento prestados por alcaldes de outros Concellos, ó grupo de Protección Civil de Boqueixón e ao párroco D. Manuel que oficiou a misa cantada.
Dende o Concello sentiuse tamén un gran orgullo por ter a oportunidade de felicitar, nesta xuntanza multitudinaria, ao campión do mundo de maratón en kaiak, na súa categoría, Rubén Gómez Rial. Máis alá do detalle do que se lle fixo entrega, o mellor que lle puidemos ofrecer foi un cerrado aplauso de recoñemento por parte de todos os veciños alí reunidos, mostrando gratitude e agradecemento a Rubén por facernos partícipes dos seus numerosos éxitos.
Dende o Concello, cabe tamén destacar a ausencia das dúas agrupacións políticas da oposición, posto que a FESTA DO CARNEIRO supón a unión e o orgullo do Concello, sen diferencias nin exclusións de ningún tipo, xa que é unha Festa por e para os Veciños de Dodro.
A nosa gratitude Dodro.


4/7/11

EXCURSIÓN ÁS CÍES



Un numeroso grupo de veciños de Dodro disfrutaron o sabado día 2 da excursión as maravilosas Illas Cíes.
www.concellodedodro.org