22/3/12

O PP DE DODRO LAMENTA O COMPORTAMENTO DOS CONCELLEIROS DA OPOSICIÓN DURANTE OS PLENOS

O Partido Popular de Dodro lamenta a actitude que están adoptando algúns membros da oposición durante a celebración dos plenos municipais. Os insultos, as descualificacións, a falta de educación e estas actitudes radicais son o comportamento habitual da gran maioría de membros da oposición desde que o novo Executivo local accedeu ao consistorio municipal.

En lugar de diminuír, o mal comportamento dos concelleiros socialistas e nacionalistas foi en aumento, motivo polo que no último pleno ordinario, celebrado o pasado 16 de marzo, o rexedor, Valentín Alfonsín, veuse obrigado a expulsar do pleno a unha concelleira do BNG, tras darlle varias advertencias e ver que a nacionalista non modificaba o seu comportamento.
Tamén tivo que retirar a quenda de palabra a outra concelleira do PSOE por tentar atribuír delitos ao alcalde sen razoamento algún.

Os responsables municipais queren recordar ós membros da oposición que os plenos son un espacio de debate e de intercambio de ideas. As posturas hostís, as descualificacións e os insultos impiden o desenvolvemento natural dese debate plural.

Así mesmo, o rexedor de Dodro recorda que existe unha normativa plenaria pola que se rexe o comportamento que deben seguir todos os membros da corporación e insta a tódolos grupos políticos a seguila e “ter altura de miras para non caer en actitudes radicais que nada aportan” e que, desde logo, “non contribúen a velar polos intereses dos veciños e veciñas de Dodro, que é para o que estamos aquí”.

FACTURAS
Por outra banda, en relación aos informes de Intervención e Tesorería que se levaron ao último pleno ordinario, queremos puntualizar que as facturas coas que a voceira do BNG, Victoria Rey, amosou o seu total desacordo non é que non estean pagadas como ela deu a entender, senón que simplemente están pendentes de recoñecemento.

Como ben sabe a señora Rey, o anterior goberno bipartito do PSOE-BNG efectuou parte do pago da obra do Centro de Artes Escénicas en tres facturas. Pero fíxoo fora da legalidade e sen o crédito necesario, razón pola cal a Lei actual esixe que se inclúan agora no informe de Intervención.

Na relación pendente de pago non se incluíron en ningún momento as facturas desta obra que xa están pagadas. O que se incluíu no informe de Tesourería foi a última factura, que si se atopa nunha situación pendente de pago e que ascende a un importe total de 80.814,99 euros.
Por esta razón, só queda deducir que a voceira do BNG ou ben non sabe ler os informes ou deliberadamente está intentando enganar á veciñanza.