25/11/10

OS CARTOS DO "ROTEIROS DA MEMORIA"


No pasado pleno do mes de outubro, confirmouse a anulación da subvención de 83.000 euros que a Axencia de Desenvolvemento Rural (AGADER) tiña concedida ó Concello de Dodro para o proxecto do BNG “Roteiros na memoria”.

Sendo esto grave, aínda é peor a resposta do BNG, que intentando disimular a anulación da subvención por parte de AGADER, argumentou que fora o propio Concello de Dodro o que renunciara a esta subvención, o que suporía unha IRRESPONSABILIDADE ABSOLUTA.

Este proxecto que sumaba unha cantidade de 183.000 euros contaba cunha subvención de AGADER de 83.000 euros que debía xustificarse en outubro de 2009.

A pesar de contar cunha prórroga ata o mes de xuño de 2010, o BNG foi incapaz de rematar as obras e xustificar a inversión prevista. E para evitar un descalabro económico Victoria Rey e o seu BNG utiliza novamente á Comunidade de Montes Balouta e Fontecova, que donou 25.000 euros, e que o BNG empregou para o pago de obras como o arranxo de fontes en Teaio e Bexo.


Entre eles, cabe destacar o desmesurado coste dos sinais dunha ruta polo monte e que supuxeron nada menos que 19.000 euros. A incompetencia dos xestores do BNG acábana pagando os propios veciños de Dodro a través da Comunidade de Montes, e así en lugar de recibir o Concello de Dodro a subvención de 83.000 euros, ó final, son os propios veciños de Dodro os que teñen que pagar os caprichos de Victoria Rey e o BNG.


En ningún caso é admisible que sexan os veciños, os administrados, os que teñan que pagar as obras do BNG por causa da súa mala xestión. Deste xeito, o Concello de Dodro é o único concello onde os veciños pagan ademáis dos impostos establecidos legalmente, un “imposto do BNG” PARA PAGAR OS SEUS CAPRICHOS SEN QUE EN NINGÚN CASO ASUMAN A SÚA RESPONSABILIDADE.
Tendo en conta a importante reducción de ingresos para o Concello de Dodro a causa da crisis económica, PERDER UNHA SUBVENCIÓN DE 83.000 EUROS É UN LUXO QUE NINGÚEN SE PODE PERMITIR. ESTE FEITO, PROVOCARÍA A DIMISIÓN INMEDIATA DO RESPONSABLE, PERO EN DODRO, VICTORIA REY E O BNG PREFIRE RECURRIR ÁS DONACIÓNS DA COMUNIDADE DE MONTES BALOUTA E FONTECOVA e intentar con iso esconder o que constituie un absoluto fracaso na súa xestión, que ó único que conduce é á quebra económica do Concello de Dodro, a pesar de que cando asumiron o goberno era un dos máis saneados de Galicia.

16/10/10

O PP DE DODRO LOITA POR SACAR ADIANTE O PXOM

O Partido Popular de Dodro desexa comunicar que despois de varias reunións mantidas con responsables de Urbanismo da Xunta de Galicia, conseguiu que por parte da Secretaría Xeral de Urbanismo se reduxesen ó máximo posible as modificacións a realizar no PXOM presentado polo goberno bipartito PSOE-BNG.
Así, o máis probable, e tal e como anunciou no seu día o Partido Popular, a zona residencial urbanizable prevista para Tallós terá que reducirse nunha gran parte para que a Xunta de Galicia poida aprobar o PXOM. Outros cambios que son inevitables será a reducción da área reservada para o Polígono Industrial, e certas modificacións que afectan á área de expansión dalgúns núcleos e que se ven afectados pola Lei de Augas e de Costas.

Lamentablemente, os dous anos perdidos na tramitación do PXOM polo goberno bipartito da Xunta de Galicia e o goberno municipal do PSOE-BNG non permitiu conquerir unha maior área de expansión dos núcleos.
A clasificación dun área residencial de dubidosa viabilidade en Tallós tamén obrigou a reducir a zona para a construcción de vivendas particulares.
É de destacar que o goberno bipartito PSOE-BNG nin sequera solicitou a reducción da zona de protección de costas como outros concellos, a pesar das súas críticas ó anterior goberno popular, permitindo así que moitos terreos particulares sigan afectados pola lei de Costas.

Unha vez máis, o Partido Popular a pesar de que en ningún momento o goberno PSOE-BNG contou con eles para a tramitación do PXOM, tivo que asumir as tarefas de goberno para poder sacar adiante o PXOM da forma máis rápida e limitando as reduccións das zonas para poder edificar ó máximo que permite a normativa.

Agora, correspóndelle o goberno bipartito PSOE-BNG acelerar a incorporación das modificacións solicitadas pola Xunta de Galicia para poder aprobar definitivamente o PXOM canto antes, o que de cumprirse os prazos previstos podería suceder nun prazo non superior ó mes e medio.
ESO SEMPRE E CANDO O BNG-PSOE NON RETRASE O PROCEDIMENTO NA PROCURA DE INTERESES PARTIDISTAS.

20/9/10

DIMITE ANXO FRANCO

ANXO FRANCO DIMITE COMO TENENTE DE ALCALDE E CONCELLEIRO DE CULTURA
O pasado venres día 17 Anxo Franco dimitiu como tenente de alcalde e concelleiro de Cultura alegando razóns de índole persoal e familiar.
O seu substituto como tenente de alcalde será Victoria Rey, concelleira de Igualdade e Benestar no Concello e como concelleiro de Cultura Abel Tarrío.
Anxo Franco era o único concelleiro con dedicación exclusiva no Concello, polo que é de supoñer que esta dedicación pasará a Victoria Rey, aínda que vamos a esperar acontecementos.
O que sí se sabe é que Victoria Rey será tamén a nova cabeza de lista do BNG de Dodro e presentarase como candidata ás próximas eleccións municipais. En referencia a esto, e ca humildade que a caracteriza, declarou á prensa: "Preséntome convencida de que vou ser a próxima alcaldesa de Dodro". (Correo Gallego 18-9-10)
Queda unha pregunta no aire. ¿Cales serán os verdadeiros motivos da dimisión por sorpresa?

18/9/10

HOMENAXE A UXÍO ABUÍN E RUBEN GÓMEZ

O CONCELLO HOMENAXEA A UXÍO ABUÍN E RUBEN GÓMEZ, DEPORTISTAS DE ÉLITE DO NOSO CONCELLO
O pasado día 17 de setembro, toda a corporación municipal de Dodro e un numeroso grupo de veciños, rendeu homenaxe ós deportistas Uxío Abuín e Ruben Gómez, veciños do noso concello.
Dende o grupo municipal do Partido Popular de Dodro novamente FELICIADES aos dous.

6/9/10

¡ FELICIDADES UXÍO!


¡UXÍO ABUÍN CAMPEÓN DO MUNDO DE DUATLON!

O pasado 4 de setembro Uxío Abuín proclamouse Campeón do Mundo junior de Duatlon en Edimburgo

MOITAS FELICIDADES CAMPEÓN

4/9/10

AS CONTAS DO CONCELLO, A CASA DE CULTURA, OS LOCAIS CULTURAIS E OUTRAS ABERRACIÓNS

O Partido Popular de Dodro quere denunciar a xestión absolutamente irresponsable que está a levar o equipo de goberno PSOE-BNG no Concello de Dodro. De resultas desta xestión, só no ano 2008 o Concello de Dodro tivo unhas perdas de 130.000 euros, e un descenso na súa tesorería de 28.000 euros. A iso, hai que engadir que terá que devolver ó Estado 108.000 euros tras o axuste ó que obriga ó goberno do Sr. Zapatero polo déficit de ingresos da Administración do Estado nese período.
A considerable reducción de ingresos por parte do Estado, que para o ano 2010 supón un 15 %, e os gastos sen ningún tipo de control que está a acometer o goberno bipartito, suporá sen dúbida que o déficit municipal se incremente nos anos 2009 e 2010. Tal situación non fará senón conducir a unha parálise das inversións necesarias e ó aumento do endebedamento do Concello. Ó goberno PSOE-BNG bastoulle tan só un ano para levar ó Concello de Dodro á perda económica sen posibilidade real de recuperación.
A pesar diso non teñen ningún reparo en seguir aumentando os gastos, aínda sendo por todos coñecido que os ingresos das administracións públicas veranse reducidos.
Esta situación contrasta notablemente co mandato do anterior goberno do Partido Popular, que pechou os seus últimos exercicios económicos cun lixeiro superávit, que permitía facer fronte ó pagamento das facturas dos provedores, e mantiña unha situación económica saneada. Actualmente, o Concello de Dodro ten sen pagar facturas do ano 2008, mentres que segue gastando sen un mínimo control. Así, o propio alcalde do PSOE, Sr.Díaz, recoñeceu no último pleno no mes de agosto que “para facer novas contratacións de persoal non lle facía falta ningún tipo de informe económico que asegurase a existencia de crédito suficiente para esas contratacións”. Segundo o Sr. Díaz, “xa fixeron deste xeito noutras ocasións, polo que tampouco fai falla agora”.

A CASA DE CULTURA


Por outra banda, o Partido Popular de Dodro quérese facer eco das denuncias feitas por veciños de Dodro polo uso particular da dona do tenente-alcalde Sr. Franco (cabeza de lista do BNG en Dodro) da Casa da Cultura do Concello. Segundo puido saber o Partido Popular, a Casa da Cultura quedou aberta durante dúas noites e cas luces prendidas despois de que a dona do Sr. Franco estivera nela, e fora do horario laboral dos funcionarios responsables. Para o Partido Popular esta é unha situación extremadamente grave, polo que supón a utilización persoal dunha instalación pública sen ningún tipo de control. Se ben o Partido Popular requiriu unha explicación no pasado pleno ó Sr. Franco, este optou por non respostar.

LOCAL CULTURAL


Noutro orden, tamén queremos denunciar o uso doutro centro cultural do Concello para poñer unha barra de bebidas durante as festas de Lestrove. Así, e a pesar de que o Concello de Dodro paga un aluguer do local para uso social, este local durante as festas de Lestrove foi utilizado por persoas particulares para almacén de bebidas, mentres que na porta do local puxeron unha barra para servir bebidas.

Resulta totalmente surrealista que o Concello de Dodro este a pagar o aluguer dun local social e por outro lado se permita que sexa utilizado por particulares para beneficio privado. Pero tendo en conta que a dona do Sr. Franco usa a Casa da Cultura de xeito particular, non se pode esperar que lle importe o máis mínimo ó Sr. Franco que outras persoas usen outros locais do Concello tamén para o seu uso privado.

OBRAS DO AVE, ¿COMO ESTAN AS PISTAS?


Xa por último, sinalar que o goberno bipartito PSOE-BNG a día de hoxe aínda non informou sobre as obras do Tren de Alta Velocidade ó seu paso polo Concello de Dodro.

Se ben as últimas noticias parecen apuntar a un considerable retraso na súa execución, o goberno PSOE-BNG segundo a voceira do PSOE, Sra. MENE, non ten “notificación oficial” polo que non pode dicir si se retrasarán ou non. Tal resposta non mostra senón o absoluto desinterés do PSOE-BNG por unhas obras que están a causar importantísimos estragos no Concello de Dodro, e que tal e como sucedeu cas obras da Autovía do Barbanza, previsiblemente van a provocar importantes inundacións no inverno aparte de dificultar o tránsito polas pistas municipais practicamente desfeitas polo continuo paso de camións de gran tonelaxe.

6/5/10

O PP LOITA PARA SACAR ADIANTE O PXOM

Nesta mesma semana representantes do Partido Popular de Dodro reuníronse coa Secretaria Xeral de Urbanismo Dª Mª Encarnación Ribas Díaz da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras, co fin de expoñerlle as necesidades do Concello de Dodro en relación co PXOM aprobado provisionalmente pasado día 20 de Abril.
Os concelleiros do Partido Popular de Dodro expuxeron a difícil situación que está a pasar o Concello de Dodro ante a imposibilidade de acadar un desenrolo urbanístico pola falla dun PXOM adaptado ás súas necesidades. Así mesmo, solicitaron dos representantes de Urbanismo que se axilizasen os trámites necesarios para a aprobación definitiva e evitar que se prolongue unha situación que está a prexudicar gravemente ós veciños e ó crecemento do Concello de Dodro.
Por parte da Secretaria Xeral de Urbanismo mostrouse unha extraordinaria receptividade ante as inquedanzas manifestadas polo Partido Popular e a súa absoluta vontade de reducir os prazos necesarios para a aprobación final, aínda que estes prazos estarán supeditados ao análises en detalle do PXOM aprobado provisionalmente, e a súa adecuación á lexislación aplicable. Dentro de un mes os representantes do PP de Dodro terán unha nova reunión para informarlles de como van os trámites para a aprobación definitiva do PXOM.
O Partido Popular valora moi positivamente esta primeira toma de contacto coa Secretaría de Urbanismo e na súa opinión, e ca prudencia necesaria pois o PXOM aínda non foi analizado en detalle pola Consellería MATI, puidera ser posible que antes de rematar o ano o Concello de Dodro tivera aprobado definitivamente o PXOM.

21/4/10

O PLENO DE DODRO APROBA PROVISIONALMENTE O PXOM

O martes 20 de abril celebrouse no Concello un Pleno extraordinario no que se aprobou provisionalmente o PXOM co voto favorable dun concelleiro do Partido Popular.

Debido á ausencia dun concelleiro do equipo de goberno e necesitando maioría absoluta para a aprobación provisional do PXOM, o Partido Popular de Dodro comprendendo a importancia desta aprobación e actuando con responsabilidade, decidiu que un concelleiro do Partido Popular votara a favor motivando así a aprobación provisional. Os outros catro concelleiros abstivéronse como nos anteriores trámites do PXOM en base á pouca ou nula información do PXOM recibida por parte do equipo de goberno ata o de agora.
Recordamos que este PXOM non é o que faría o noso grupo pero recoñecemos que a súa aprobación é unha necesidade para o crecemento de Dodro polo que temos que actuar con responsabilidade.

27/3/10

ACTUACIÓN DO GOBERNO PSOE-BNG NO DESLINDE CO CONCELLO DE PADRÓN

O Partido Popular de Dodro quere manifestar o seu total rexeitamento á actuación do goberno PSOE-BNG dos últimos días na zona de deslinde co Concello de Padrón. O único que conqueriron PSOE e BNG foi avergonzar ós nosos veciños que non se merecen uns representantes como o sr. Díaz e o sr. Franco.

Durante anos tanto o Concello de Dodro como o de Padrón se moveron con un deslinde “aproximado” baseado en planos de concentración que non se correspondía co real e que dou pé á ocupación dos terreos de Dodro durante a Pascua. O Partido Popular en novembro de 2007 xa fixo unha proposta para delimitar a línea de deslinde pero tanto o PSOE como o BNG a rexeitaron o que permitiu que esta situación continuase.

Fai escasos meses o Instituto Xeográfico Nacional remitiu a documentación do deslinde tal e como se delimitou no ano 1931, e o Partido Popular voltou a presentar unha nova proposta para chegar a un acordo co concello de Padrón e usar os terreos de Dodro para outros usos alternativos durante a Pascua. Pero novamente PSOE e BNG coa súa prepotencia habitual rexeitaron a proposta, preocupados por non dar razón ó Partido Popular sen importarlle os intereses dos veciños a quenes representan.

O tempo non fai senón dar a razón ás propostas do Partido Popular, e agora temos que asistir a un espectáculo bochornoso, propio dun circo de feira, onde os representantes do PSOE e BNG de Dodro, intentan arranxar o problema a última hora e empregando a forza, para ó final, encartar a orella e deixar aínda máis avergonzados a todos os veciños de Dodro.

Resulta lamentable que agora, despois de case tres anos dende a proposta do Partido Popular, o goberno PSOE-BNG malgaste os cartos do Concello de Dodro nunha obra que faga de fronteira física (e non en todo o deslinde) co Concello de Padrón por causa da súa ineptitude e incapacidade para ofrecer e chegar a acordos que permitan a convivencia normal e que sempre existiu entre veciños de Dodro e Padrón.

23/3/10

¡ O EQUIPO DE GOBERNO SE DURME !

O Partido Popular de Dodro quere comunicar que despois de transcurrir máis de mes e medio dende a presentación do Plan do Litoral, o equipo de goberno aínda non tomou ningunha iniciativa ó respecto, o que na nosa opinión supón unha grave irresponsabilidade.
Segundo puido comprobar o Partido Popular despois de varias consultas e reunións informales con representantes da Consellería de Medio Ambiente, nin o PSOE nin o BNG aportaron ningunha indicación sobre os prexuizos que podería causar ós veciños de Dodro a aplicación do Plan do Litoral dacordo co documento exposto a través da web da Consellería.
A aplicación sen modificacións do Plan do Litoral afectaría gravemente ós núcleos de Bexo, Imo, Tallós e A Igrexa, de tal xeito que deixaría a estes núcleos prácticamente sen posibilidades de desenrolo urbanístico.
Neste senso, o Partido Popular quere recordar que no pleno do 17 de outubro de 2008, xa apuntou a necesidade de que o novo PXOM estivera consensuado coa Xunta de Galicia no que ó Plan do Litoral se refería, de forma que a afectación deste Plan non fora superior á afectación marcada polo deslinde de Costas. Pero visto o resultado, é evidente que en ningún momento o equipo de goberno se preocupou de conquerir un consenso que evitase unha maior afectación de terrenos e propiedades impedindo a edificación de vivendas nos mesmos.
Novamente, o equipo de goberno PSOE-BNG está a actuar de costas ós intereses dos veciños de Dodro.
Resulta sorprendente que despois de dous anos que se iniciou o Plan do Litoral tanto o sr. Díaz, alcalde de Dodro, como o tenente-alcalde do BNG, sr. Franco non amosasen o máis mínimo interés pola afectación do Plan do Litoral ó Concello de Dodro, máis aínda cando este Plan foi realizado co goberno bipartito PSOE-BNG na Xunta de Galicia.
De non ter perdido tanto tempo na modificación do PXOM que agora se pretende aprobar, a afectación do Plan do Litoral prácticamente sería nula, pero tendo en conta que o PXOM aínda non está aprobado definitivamente, a influencia do Plan do Litoral podería dar ó traste cos obxectivos de desenrolo urbanístico de Dodro.
As posibles consecuencias non serían outras que modificar novamente o PXOM, co retraso que eso implicaría, e a imposibilidade de crecemento de núcleos importantes de Dodro.

22/3/10

15 NOVOS CONTENEDORES DE BASURA PARA DODRO

Representantes da Delegación de Coruña da Xunta de Galicia puideron confirmar definitivamente o Partido Popular de Dodro, tras a reunión mantida en días pasados, que ó Concello de Dodro se lle asignarán 15 novos contenedores de basura, o que supón un incremento notable sobre o inicialmente previsto, dadas as necesidades do resto de Concellos de A Coruña.

12/2/10

¡ O ALCALDE DE DODRO CONDEADO POR LESIONS !

SENTENCIA
Audiencia Provincial da Coruña
En Santiago de Compostela a 30 de diciembre de 2.009

"FALLO: Condeno a Arturo Día Díaz como autor de una falta de lesiones prevista en el artículo 617.1 del Código Penal a la pena de 45 días de multa a razón de 10 euros diarios, con responsabilidad de un día de privación de libertad por cada dos cuotas impagadas, lo que supone un total de 450 euros.
Asimismo Arturo Díaz Díaz indemnizará a Alfonso Fernandez Dominguez en la cantidad de 420 euros, por los perjuicios causados.

Contra la presente resolución no cabe recurso ordinario alguno."

26/12/09

30/11/09

O PARTIDO POPULAR DE DODRO REUNIUSE CA PRESIDENTA DE AUGAS DE GALICIA ETHEL VÁZQUEZ

O pasado martes o Partido Popular de Dodro mantivo unha reunión ca Presidenta de Augas de Galicia, Ethel Vázquez. Ao longo da reunión tratáronse os principais temas que afectan ó Concello de Dodro, e relacionados con este organismo, como os regatos e a posible instalación dunha depuradora en Teaio.
Dacordo ca información recibida, Augas de Galicia ten pensado destinar unha cantidade de fondos aínda sen determinar para a limpeza do rego de Manselle a pesar das restriccións orzamentarias ás que teñen que facer frente; nembargantes, para o Río San Lufo non lle foi solicitada ningunha inversión concreta, a pesar de que este río desborda con frecuencia ó longo do inverno, o que non deixou de sorprender ó Partido Popular.
En relación coa instalación dunha EDAR na aldea de Teaio, o Partido Popular lle solicitou que se axilizase o máis posible a concesión da autorización necesaria, dada a importancia da obra para os veciños afectados e que o Partido Popular xa incluira no seu programa electoral.
Nembargantes, a autorización necesaria depende en gran medida da documentación aportada polo Concello, e nalgún caso non se corresponde correctamente ca esixida por Augas de Galicia.

O Partido Popular quere denunciar a PESIMA XESTIÓN DO GOBERNO BIPARTITO QUE PON EN PERIGO A REALIZACIÓN DUNHA IMPORTANTE OBRA E QUE EN DOUS ANOS E MEDIO NON FOI QUEN DE CONQUERIR A AUTORIZACIÓN NECESARIA PARA LEVALA A CABO.

25/11/09

DECLARACIÓN DO PARTIDO POPULAR DE DODRO NO DÍA INTERNACIONAL PARA A ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES

Hoxe 25 de novembro celebrase unha vez máis, en todo o mundo, o Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres, momento no que de xeito conxunto expresamos a nosa condena máis enérxica a todas as formas nas que se manifesta este grave problema da nosa sociedade. Erradicar a violencia contra as mulleres é unha obriga das institucións na que se precisa a colaboración de toda a cidadanía, e só desde o compromiso e a concienciación de todas as persoas poderemos conseguir unha sociedade na que os dereitos humanos se respecten.

O compromiso da sociedade galega coa eliminación da violencia contra as mulleres manifestouse a través da aprobación, no Parlamento galego, dunha lei propia, a lei 11/2007, para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero. O desenvolvemento desta lei, xunto co resto das modificacións lexislativas a nivel estatal, deu lugar a un incremento no número de denuncias, o cal redunda nunha maior garantía xurídica e nunha máis eficaz atención ás vítimas.

Pero queda aínda moito por facer, e desde o Partido Popular de Dodro, manifestamos o noso compromiso coa prevención da violencia, a través do máis enérxico rexeitamento ás manifestacións da violencia e á figura dos maltratadores, para os que esiximos tolerancia cero, seguindo as recentes recomendacións do Dictame sobre as actuacións prioritarias dos entes locais e rexionais para previr a violencia cara as mulleres e mellorar a atención das vítimas, aprobado polo Comité Europeo das Rexións. Así mesmo queremos lembrar a todas as administracións públicas a necesidade de colaborar, para que, no marco das súas respectivas competencias, traballen para mellorar as diferentes medidas e recursos postos en marcha para a eliminación da violencia contra as mulleres. Instamos á Xunta de Galicia, e particularmente á Secretaría Xeral da Igualdade, a promover actuacións de coordinación, de formación e de concienciación a todos os niveis, pero particularmente entre a poboación máis nova, co obxectivo de contribuír á educación na igualdade das xeracións máis novas, piares do futuro da sociedade galega.

Invitamos a toda a cidadanía a unirse a nós na expresión da súa condena á violencia contra as mulleres e do seu apoio ás vítimas, para devolver a dignidade e a xustiza á nosa sociedade.